7 de xullo de 2013

voltar



Veño de pasar uns días na terra onde eu nacín, Galiza. O certo é que prefería que eses días fosen a finais de Xullo pero non pode ser sempre o que un quere...e como a can fraco todo son pulgas, tiven que cambiar os meus plans. O cal non significa que non aproveitase o tempo alá. Cando aterrei recibiume un día de choiva e bastante fresco e tendo en conta de que viña de Alemaña, ardendo a uns 36ºC...o cambio foi algo brusco. O primeiriño que fixen foi vestirme con roupa axeitada e sair cos meus cans a dar unha volta polo monte, ten o seu encanto a Galiza orballada, todo cheira doutro xeito....as sensacións e sentimentos que te percorren son diferentes. Agora somos unha manada un pouco máis pequena e botei de menos o meu can que xa non está connosco, pero o mundo segue xirando qeiramos ou non....

Non quería irme sen pisar o outro monte, fai un tempo prometinme a min mesma que volvería e que remataría o que un día comecei,que polas circunstancias de sempre, non puiden rematar. E voltei....tiña un significado moi especial para min, precisaba ir e fun, agora preciso voltar de novo..ó Caurel. 

Esta é a vista dende O cebreiro, o día estaba despexado e as vistas eran e son marabillosas.




Despois de conducir por curvas e curvas e de contemplar a paisaxe tan fermosa cheguei ó meu obxectivo...a Devesa da Rogueira.





Botaba de menos os castiñeiros, estaban esplendidos coas candeas pendurando, persoalmente é o momento no que mais me gustan. Tamén me impresionan os seus troncos, tan peculiares e únicos..abrazarse a un é algo que recomendo.






A medida que vas ascendendo vai cambiando a vexetación, primeiro mesturaste entre castiñeiros, aveleiras, pradairos,bidueiros, madroños, freixos,...despois cerquiños,enciños,serbais, faias, teixos, arandeiras....os camiños son dunha pendente moi elevada, comezas en 750m sobre o nivel do mar e acabas sobre 1400m, en tan só 4 Km.










A Fonte do Cervo, de onde fluen dous manantais, un de augas ferruxinosas e outro de augas calcáreas. Lin que esa auga posúe propiedades curativas e que estimula o apetito...eu bebin e soubome a gloria!




E na fonte atopeime cunha planta espectacular.....ao lonxe parecían estrelas brilando na noite.  Tan só por poder contemplala mereceu a pena o esforzo de subir por eses camiños empinados.....

Pinguicula grandiflora


Pinguicula grandiflora  forece en Maio-Xuño en fontes e paredes moi húmidas das montañas hümidas de Galiza.




Grazas por acompañarme, ás dúas nos facía falla afastarnos deste mundo tan raro e perdernos nun lugar onde ningún problema podería atoparnos..quedaríame alí para sempre.










Ningún comentario:

Publicar un comentario